Veterinaria e Enfermaría desenvolven unha intervención con cans para xerar benestar en pacientes con patoloxías psiquiátricas

A Escola Universitaria de Enfermaría e a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo traballan de xeito conxunto para mellorar a o benestar de pacientes con patoloxías psiquiátricas. Esta intervención asistida, na que tamén colaboran o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, desenvólvese no Hospital de rehabilitación psiquiátrica de Calde e reflicte “o impacto positivo dos animais en contornas terapéuticas”, explica a profesora da Escola e responsable da iniciativa, Mª José Ferreira Díaz.

O obxectivo principal do proxecto consiste en avaliar a redución do estrés e a ansiedade, a mellora do estado de ánimo, fomentar a estimulación social e emocional, o aumento da motivación e a autoestima, así como reducir o illamento deste tipo de pacientes, a través da intervención asistida con cans. Ademais, a devandita intervención aspira a avaliar a mellora da calidade de vida, benestar e fomentar a adopción de cans da protectora.

A fase inicial do proxecto comezou no mes de abril e á vista dos bos resultados obtidos optouse por levar a cabo unha etapa de ampliación, o que permitiu que unha ducia de pacientes puidesen participar na intervención. O proxecto estrutúrase en dous grupos: por unha banda, hai un grupo de control que intervén nos obradoiros habituais do Hospital; mentres que, pola outra, existe un segundo grupo experimental no que se desenvolve a intervención asistida con cans. Entre as actividades realizadas polo grupo experimental atópanse paseo cos cans polos xardíns do centro, sesións de educación en positivo dos animais, sesión de xogo, así como outras de interacción relaxada cos cans.

O persoal investigador avalía os resultados obtidos polos dous grupos a través de cuestionarios nos que se recollen as valoracións das persoas pacientes. “Avalíanse variables físicas e psicolóxicas antes e despois da intervención do mesmo xeito que a valoración da satisfacción coa intervención”, sinala a profesora Ferreira. Os resultados pretenden apoiar as hipóteses de que as intervencións asistidas son beneficiosas para as persoas pacientes hospitalizadas en centros de rehabilitación psiquiátrica.

Dobremente solidario 
Este é un proxecto dobremente solidario, xa que tamén trata de mellorar a calidade de vida dos cans, fomentando a adopción. “O proxecto está a ter un enorme impacto, non só na rehabilitación das persoas doentes, senón tamén na vida dos animais involucrados, todos eles procedentes da protectora e dados en adopción durante o transcurso do estudo”, explica a profesora Ferreira. Dende o Hospital Rof Codina encárganse de testar os animais para asegurarse de que se atopen en bo estado de saúde e de que sexan dóciles para poder participar nunha intervención enfocada na mellora da saúde mental. Coa finalidade de seleccionar animais cun temperamento estable e non agresivo, os cans deben superar diversos test e realízaselles unha exploración física, hemograma, perfil bioquímico e coproloxía. Ademais, mantense a súa vacinación e desparasitación ao día. Os cans habitúanse tamén ao uso de colar e correa, así como ás instalacións do hospital, coa finalidade de diminuír o estrés o máximo posible. En todo momento garántese o benestar animal.

Na posta en común coas persoas pacientes despois de cada sesión, constatouse un aumento de satisfacción medida a nivel cuantitativo nunha escala de elaboración propia e a través do rexistro das impresións. Nese senso, a información cualitativa recollida nun grupo focal e durante os paseos, caracterizouse por unha maior riqueza informativa e espontaneidade que nos cuestionarios.

Doutra banda, a maioría dos cans de terapia escollidos para a actividade acabaron sendo adoptados por particulares a través da Sociedade Protectora da que proviñan nun prazo de tempo inusualmente curto. “A este feito puido contribuír a socialización ás que estiveron expostos os animais durante a intervención, mellorando o seu atractivo para posibles adoptantes”, explican dende o proxecto.

Os resultados deste estudo piloto tratan de asentar as bases de estudos posteriores de maior calado, incrementando o número de pacientes e tamén a inclusión doutros diagnósticos, permitindo así unha terapia complementaria que mellore o benestar de pacientes en réxime de ingreso hospitalario.