O Grupo Iacobus impulsa un foro sobre os tesouros da colección artística da Catedral de Lugo

Lugo,
Santiago de Compostela

Especialistas do Grupo Iacobus da USC abordarán do 21 ao 22 de maio a análise de diversas obras seleccionadas entre os numerosos bens culturais que conserva o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. A finalidade deste foro que leva por título  ‘Tempo de arte. Obras de museo III’ é poñer en valor a súa colección e difundila á cidadanía a través deste curso monográfico coordinado por Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, e por Marcos Calles, director do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo.

O evento, que nace con vontade de continuidade, realízase seguindo un formato de colaboración entre o Grupo Iacobus e distintas institucións culturais de Lugo e que xa gozou de éxito nas súas primeiras edicións no Museo Provincial. Neste caso, o Grupo Iacobus centrarase no patrimonio da sé lucense. “A actividade presenta unha programación moi variada na que teñen cabida pezas moi representativas do noso patrimonio medieval, moderno e contemporáneo, coma o cancel de Saamasas, o retablo maior da catedral ou a capela da Virxe dos Ollos Grandes”, apuntan dende a organización. Tamén se abordará o legado de figuras relacionadas coa catedral coma Manuel Fernández Varela ou Antonio Fernández Montenegro.

Especialistas como José Manuel García Iglesias, José Manuel López Vázquez, Juan Monterroso Montero, Begoña Fernández Rodríguez ou David Chao Castro danse cita nestas xornadas, que terán lugar no Auditorio da Fundación ABANCA. Un dos puntos de maior interese destes monográficos é a visita guiada ás obras da colección do Museo Diocesano e Catedralicio, en horario de tarde, para o que é necesario formalizar insctición. A matrícula é de balde, e pode realizarse ata o día 19 de maio a través dun formulario en liña.