Estudantado de Enfermaría traslada educación menstrual a alumnado de secundaria

Santiago de Compostela

A profesora Nuria García Couceiro coordina o proxecto de innovación docente ‘Intervencións de Enfermaría en materia de saúde e conductas de risco no eido escolar’ que combina a formación académica co compromiso social, e que permitiu desenvolver intervencións de enfermaría centradas na educación menstrual, a saúde mental e o benestar emocional. Este proxecto de Aprendizaxe-Servizo que botou a andar por primeira vez no curso  2020-21,  fixo posible que estudantado do grao en Enfermaría acudira ao Colexio Plurilingüe La Salle de Santiago de Compostela para desenvolver intervencións en saúde.

En concreto, nesta edición participou estudantado de cuarto curso do grao en Enfermería que realizou o seu traballo fin de grao no contexto deste proxecto, estudantado da materia Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica (3º curso) e tamén estudantado da materia Enfermaría da Saúde Mental (2º curso). En total, arredor de  20 estudantes de grao participaron no proxecto.

“Oportunidade única”

Dende a perspectiva do estudantado de grao, esta iniciativa supón “unha oportunidade única de entrar en contacto con outros ámbitos da profesión que non teñen a oportunidade de explorar nas prácticas clínicas”, sinala a profesora García Couceiro. Mediante esta ApS, poden aplicar o proceso de atención de enfermaría en todas as súas fases e levar a cabo unha intervención enfermeira real no ámbito da educación. “Os coñecementos teóricos que veñen adquirindo durante toda a titulación fanse tanxibles e o estudantado é capaz de desenvolverse no rol de axentes educadores para a saúde”, engade a profesora.

A valoración das intervencións que realiza o alumnado do centro e a equipa docente, é moi satisfactoria. O alumnado ve o estudantado de Enfermaría como parte do seu grupo de iguais e a súa mensaxe parece calar moito máis alá que cando a información parte dalgunha persoa adulta de máis idade. O coordinador do 4º curso da ESO do colexio La Salle, Suso Casal, traslada o seu agradecemento xa que «as estudantes de Enfermaría comunicaron moi ben e conseguiron que fixeran unha relaxación práctica na que entrou moi ben o alumnado. Resultoume satisfactorio como conseguiron que participaran. Xa as felicitei a elas, pero transmítollo unha vez máis».

Na opinión dos docentes da Facultade de Enfermaría, a valoración da experiencia é moi positiva. Rubén Pego, profesor da materia Enfermería da Saúde Mental sinala que «o obxectivo principal das intervencións levadas a cabo é fomentar o benestar emocional e a xestión saudable das emocións entre o alumnado dos centros educativos participantes. A colaboración entre a Facultade de Enfermaría e as institucións educativas permite crear un espazo de aprendizaxe mutua, onde o estudantado universitario aplica os seus coñecementos teóricos nun contexto práctico, mentres que os escolares reciben ferramentas útiles para mellorar a súa calidade de vida». Pola súa banda, a docente da materia EnfermaríaObstérico-Xinecolóxica, Cristina Jorge, destaca que «o principal obxectivo é que a través da interacción entre a universidade e os centros de educación secundaria se poida facer un achegamento cara á menstruación, tanto a personas menstruantes como non menstruantes, para ter unha visión realista, verídica e lonxe de prexuízos».

Por último, dende a coordinación do proxecto, conclúen que “as persoas que participan no proxecto de Aprendizaxe-Servizos traballan de maneira autónoma e motivadas. Moito máis que en calquera outra actividade formulada. Son coñecedoras dos obxectivos e senten que teñen que dar o mellor delas ante o alumnado de educación secundaria e o seu profesorado. Ese é o reto. Non é a súa cualificación a que está en xogo. O primordial é adquirir as competencias pertinentes para cumprir co compromiso adquirido co centro escolar e non fallarlle ao alumnado, nin a eles mesmos.»