O CiQUS destaca na presidencia da emblemática conferencia química de Bürgenstock

A pasada semana tivo lugar en Suíza a Bürgenstock Conference, unha das reunións máis prestixiosas e selectivas do ámbito da Química. A edición deste ano estivo presidida polo investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC e ex director do centro, José Luis Mascareñas, converténdose así no terceiro científico español que asume este cargo nos 60 anos de historia do evento.

O nomeamento de Mascareñas adquire especial relevancia considerando o carácter exclusivo e singular desta conferencia, que reúne anualmente uns 140 participantes nun entorno illado, co obxectivo de debater investigacións punteiras —en moitos casos aínda non publicadas— no ámbito das ciencias moleculares. Entre as persoas asistentes deste ano figuraron referentes internacionais como o premio Nobel David MacMillan; Erick Carreira, editor xefe de JACS; Andreas Pfaltz, pioneiro en catálise asimétrica e ex presidente do encontro; ou Hagan Bayley, un dos inventores da secuenciación de ADN.

O programa científico, deseñado por Mascareñas, destacou pola súa excelencia e enfoque multidisciplinar. “Planificara un panel de conferenciantes do máximo nivel, e moi diverso, e non defraudou”, sinala. Entre os relatores convidados figuraban Todd Hyster (Princeton), ShuLi You (Shanghái), Claudia Höbartner (Würzburg) e Eva Hevia (Berna), ademais dun sólido grupo de novas e novos investigadores en ascenso. “Tanto as presentacións senior como as junior tiveron un nivel excepcional, e a profundidade do debate científico foi especialmente gratificante”, engade.

O CiQUS, ben representado
Ademais do propio Mascareñas, o CiQUS estivo representado na Conferencia polos investigadores Diego Peña -actual director científico do centro- que foi convidado a impartir unha charla sobre nanografenos e química en superficies, mentres que Manuel Nappi participou como Junior Scientist Fellow dentro do competitivo programa JSP que este ano financiou 20 novos investigadores de distintos países. Esta iniciativa é considerada unha das principais plataformas de proxección para a nova xeración da química internacional.

A participación na Bürgenstock Conference representa un recoñecemento destacado á traxectoria científica do CiQUS, consolidando a súa proxección internacional no ámbito das ciencias moleculares.

A conferencia
Fundada en 1965, a Bürgenstock Conference on Stereochemistry está considerada como un dos encontros máis exclusivos e esixentes do ámbito da química no eido internacional. O seu formato singular distínguea doutros congresos científicos: o programa mantense en segredo ata a sesión inaugural, as persoas participantes deben comprometerse a asistir durante toda a semana e cada relatorio vai seguido de discusións extensas e en profundidade. O evento ten un aforo moi limitado e non admite estudantes.