Máis de medio cento de estudantes e docentes recibirán formación en oratoria e debate no Campus de Lugo

Lugo

Estudantado e profesorado do Campus de Lugo está a recibir formación intensiva en oratoria e debate. O curso, impartido por especialistas da Asociación Más Debate, botou a andar este luns 18 e desenvolverase ao longo de dúas semanas cun total de doce horas lectivas. O programa abarca técnicas de construción de discursos, estratexias para debater en público, leccións de linguaxe non verbal e paraverbal e métodos para mellorar a autoconfianza e a capacidade de expresión verbal. Arredor de 60 participantes profundarán de balde, e ao longo de seis sesións, nas claves para mellorar a forma na que expresarse en público.

As persoas participantes aprenderán, a través desta acción formativa, a articular as súas ideas de maneira efectiva, a analizar temas complexos dende diferentes perspectivas e a expoñer argumentos sólidos ante a audiencia. Este curso responde ao obxectivo do campus lucense de mellorar as habilidades profesionais dos seus estudantes e as capacidades comunicativas do persoal docente. 

Óscar Rodríguez de Vivero (proclamado mellor orador de España e subcampión do mundo de oratoria), Manuel Maseda (organizador de competicións internacionais de debate), Saúl Corredoira e Antonio Platero (ambos con numerosos premios en torneos a nivel estatal) son os encargados de impartir esta acción formativa.  

O curso forma parte dun conxunto de accións máis amplas que Más Debate ten planeadas en colaboración coa USC para expandir a formación en oratoria e debate en Galicia, co obxectivo de establecer unha rede cunha mocidade altamente capacitada en competencias comunicativas en toda a comunidade.