Aberta a inscrición no Campus Tecnolóxico de Verán 2025 que se desenvolverá na EPSE e na ETSE

Lugo,
Santiago de Compostela

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, en colaboración con Play Code Academy, volve apostar pola educación tecnolóxica para a cativada e a mocidade coa organización do Campus Tecnolóxico de Verán 2025. Nesta ocasión, o campus leva por título ‘Misión: Salvar a Terra’, unha experiencia educativa centrada na sustentabilidade e a innovación. A inscrición xa pode realizarse tanto para Compostela como para Lugo.

Divididas en dúas quendas, do 23 ao 27 de xuño e do 30 de xuño ao 4 de xullo, en horario de 9.00 a 14.00 horas, as persoas participantes —de entre 6 e 16 anos— converteranse en heroes e heroínas ambientais. A través de divertidos obradoiros prácticos, descubrirán como a tecnoloxía pode ser unha aliada para protexer o planeta. Aprenderán a programar drons para reforestar, construirán robots recicladores e deseñarán estacións meteorolóxicas intelixentes, todo mentres desenvolven competencias clave en programación, robótica e ciencia. As persoas asistentes traballarán con ferramentas innovadoras como robótica con LEGO, Arduino, Drones, Micro:Bit, Edison, CoSpaces ou deseño e impresión 3D.

Cun enfoque totalmente práctico e adaptado ás diferentes idades e niveis, o campus fomenta a creatividade, o pensamento crítico e o compromiso co medio ambiente. A actividade desenvolverase nas instalacións da EPSE en Lugo e da ETSE en Compostela. Os prezos son de 109 euros para o persoal da Universidade e 129, para o resto de participantes, existindo un desconto para irmáns.