Viveiro (Lugo), 8 de maio de 2025
Un total de 102 vehículos tomarán a saía no VII Rally da Mariña que se celebrará esta fin de semana, organizado pola Escudería Mix Rallye Sports e impulsado pola Xunta de Galicia a través do convenio de colaboración coa Federación Galega de Automobilismo.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe durante a presentación en Viveiro o importante activo económico e turístico que representan este tipo de convocatorias. “A unión de deporte e turismo é unha combinación gañadora -afirmou-, e probas como o Rally da Mariña contribúen a reforzar a marca Galicia e a posicionar a nosa provincia como un referente no mundo do motor”.
Neste sentido, lembrou que Galicia ocupa un lugar destacado no panorama automobilístico nacional, sendo a segunda comunidade en número de licenzas federativas e a terceira en canto a clubs.
O Rally da Mariña será a cuarta proba do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto 2025 e contará con algo máis de 88 quilómetros cronometrados dun total de 286 quilómetros de percorrido polos municipios de Viveiro, O Vicedo, Ourol, Cervo e Xove.
Mañá venres, ás 20.00 horas, celebrarase a cerimonia oficial de saída en Viveiro, localidade que tamén acolle o parque de traballo e a meta. A competición desenvolverase o sábado desde as 07.50 horas, pola mañá cos tramos do Vicedo e Ourol e pola tarde cos de Cervo e Xove. A chegada do primeiro vehículo á meta, situada na avenida da Mariña, está prevista para as 22.00 horas.