O investigador do CiQUS Manuel Souto, Premio Novo Investigador da Real Sociedade Española de Química

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC Manuel Souto acaba de ser recoñecido co Premio Xoven Investigador na modalidade Líder de Grupo que outorga cada ano a Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Con esta concesión, a RSEQ valora a destacada traxectoria profesional de Souto e o seu traballo á fronte de ElectroMolMat, o grupo de investigación que dirixe desde o CiQUS.

«Síntome moi honrado e agradecido á RSEQ por ter recibido este premio”, sinala Souto, quen tamén ten palabras de agradecemento cara a todos os membros do seu grupo –“pasados e actuais”- polo seu entusiasmo e dedicación. «Gustaríame ter unha mención especial para o CiQUS e o programa Oportunius da Xunta que me permitiron regresar a España para continuar investigando cunhas condicións e unha infraestrutura excelentes.»

Souto incorporouse ao CiQUS en 2023 como profesor de investigación Oportunius, procedente do Instituto de Materiais de Aveiro – CICECO (Portugal). A súa investigación céntrase no deseño de materiais moleculares electroactivos, cun enfoque particular na síntese de novos polímeros porosos que teñen aplicacións en electrónica e almacenamento de enerxía. Actualmente conta cunha das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) para levar a cabo un proxecto cuxo obxectivo é deseñar unha nova familia de COFs, uns materiais porosos baseados en elementos abundantes con propiedades excepcionais, para o seu uso como electrodos en baterías recargables.

Este recente recoñecemento da RSEQ súmase a outros premios obtidos por Souto, como o de doutoramento NanoMatMol (2017), o extraordinario de doutoramento (2018) e o Premio Europeo de Teses Doutorais sobre Magnetismo Molecular (2020). Ademais, Souto é membro da Academia Xoven de Europa, unha iniciativa paneuropea que recoñece científicos emerxentes e promove o intercambio científico e as achegas á política científica comunitaria.

Desde 2017, son xa cinco os investigadores do CiQUS distinguidos co Premio Xoven Investigador da RSEQ: Moisés Gulías, Martín Fañanás, Javier Montenegro, Beatriz Pelaz e, agora, Manuel Souto. O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e está co financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.