Santiago de Compostela
A oitava Asemblea de Reitores e Reitoras da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) está xa en marcha na USC coa misión de “reafirmar o compromiso compartido das universidades coa defensa da liberdade académica, a promoción da seguridade na investigación e, por riba de todo, o impulso de alianzas que contribúan ao benestar das nosas comunidades”, explicou o reitor Antonio López Díaz. Durante tres días, a Universidade de Santiago de Compostela convértese no epicentro da cooperación universitaria europea ao acoller representantes das institucións que integran esta alianza europea a prol do benestar. O obxectivo deste encontro no que se darán cita arredor dun cento de participantes é debater algunhas das cuestións máis urxentes para o ensino superior nun contexto global marcado pola incerteza.
A primeira xornada da Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell desenvólvese este luns 5 no Colexio de San Xerome, na Facultade de Dereito e na Casa de Europa cun intenso programa de reunións de traballo centradas en cuestións estratéxicas, operativas e de gobernanza da Alianza. Ao longo do día teñen lugar encontros do EUniWell Board, do Consello de Estudantado do Consorcio (Student Board), do grupo de persoal coordinador institucional de cada universidade e das persoas representantes do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables e liderado pola USC no marco do proxecto EUniWell-Weff da Alianza EUniWell.
Colaboración dentro e fóra da Alianza
No marco da oitava Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell, a USC acolle o martes 6 de maio a primeira Reunión de Institucións Asociadas de toda a Alianza. Un encontro de intercambio e diálogo que nace co propósito de identificar sinerxías e fomentar colaboracións sostibles a longo prazo máis alá da Universidade.
Sobre EUniWell
EUniWell, a Universidade Europea para o Benestar, é unha das Alianzas Universitarias Europeas, seleccionada para recibir financiamento da Comisión Europea no marco do programa ERASMUS+. En xaneiro de 2023 a USC integrouse nesta rede da que forman parte na actualidade once institucións europeas. Na actualidade, a Alianza engloba un total de 300.000 estudantes e 41.000 membros do cadro de persoal (docente e investigador, e de administración e servizos).
