Santiago de Compostela
A representación da USC nos Campionatos de España Universitarios de Taekwondo e Atletismo que se desenvolveron esta fin de semana acadou postos destacados tanto no medalleiro como no Top 10 da clasificación. Así, no CEU de Taekwondo, a USC obtivo tres ouros e dúas pratas, mentres que no de Atletismo conseguiuse un cuarto e un noveno posto.
Alcalá de Henares acolleu este sábado 3 os triunfos de Tomás Fernández e Laura Álvarez que acadaron cadanseu ouro en técnica sénior masculina e técnica sénior feminina de taekwondo, ademais doutro metal dourado en técnica en parella. Ademais, Martín Lois logrou a prata en combate -58 kg e Iago Mallo fixo o mesmo en combate -80 kg. No CEU de atletismo que tivo ligar no Estadio de Vallehermoso de Madrid os días 3 e 4 deste mes, Hugo García Suárez logrou o cuarto posto en 3.000 obstáculos e Alba Pérez Nieto, o noveno en 5000 marcha.
Éxitos anteriores
O éxito da representación da USC en Taekwondo e Atletismo súmase ao xa obtido en Karate e Judo. Así, Eva Rodríguez Loredo obtivo a medalla de ouro no Campionato de España Universitario de Karate que a Universidade de Alcalá acolleu do 25 ao 26 de abril. Ademais, tamén en representación da USC, Adrián Barcia Mosquera logrou a quinta posición na súa categoría. Rodríguez Loredo competiu na modalidade Kumite Senior Fem -55 kg, mentres que Barcia Mosquera fíxoo na Kumite Senior Masc -75kg.
Ademais, Sabela Lage Rivera e José Iglesias Rodríguez acadaron medalla de bronce nas categorías de -78 kg e -90 kg, respectivamente, do Campionato de España Universitario de Judo que se desenvolveu en Pozuelo de Alarcón o pasado 11 de abril. Fabiola Fernández García, na categoría de +78 kg, quedou en quinta posición. Completaron o equipo Marta Plaza Pedre, Carlos Infanzón Ocampo e Lucas Santamaría González.
