Vilalba, 29 de abril de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde nunha rolda de prensa na que se fixo unha valoración do Festival Independente de Vilalba (FIV), celebrado a pasada fin de semana co apoio do Goberno galego, e destacou o seu papel para activar a economía local e para dinamizar a oferta turística e cultural da Terra Cha. No encontro participaron tamén o director do festival, Carlos Montilla, e a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, entre outros.
A décimo oitava edición do FIV reuniu a máis de 6.000 asistentes, repartidos entre as diversas actividades do venres e o sábado, consolidándose como unha das citas musicais máis relevantes e singulares de Galicia. No seu cartel figuraban nomes tan destacados como Shinova, The Rapants, Galician Army, Adrian Timms ou Léon Benavente.
O delegado territorial felicitou aos organizadores do FIV 2025 polo “rotundo éxito de público” acadado novamente na edición deste ano e puxo en valor o apoio da Xunta ao evento, “que supón un importante impulso para o sector hosteleiro e o comercio local, diversifica a oferta lúdica e cultural e actúa como un polo de atracción para turistas e visitantes”.
Neste senso, Arias destacou a aposta do Goberno galego para consolidar a comunidade como un destino referente no turismo de festivais, “que se erixen como un gran motor económico, turístico e cultural de xeito desestacionalizado ao longo de todo o ano” e subliñou que a axenda cultural e de ocio da provincia de Lugo é cada vez “máis variada e potente co apoio da Xunta”.
O FIV conta co apoio da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. O Goberno galego cede ademais as instalacións do CEIP Ínsua Bermúdez para unha das zonas de acampada e promove a inclusión de bandas galegas no cartel, “con ánimo de darlle visibilidade ao enorme talento que temos na comunidade en citas estratéxicas como é este festival”.