Moraña, 29 de abril de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na Gala de Turismo da Deputación de Pontevedra, celebrada por primeira vez no interior da provincia. En concreto, o evento desenvolveuse no Pazo da Toxeiriña de Moraña e tivo como eixo a campaña Cando volves?, estreada en Fitur en xaneiro.
Xosé Merelles puxo en valor a colaboración da Deputación de Pontevedra no deseño dunha oferta turística de calidade na súa provincia, unha proposta que, destacou, “alíñase coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030”. Especialmente, destacou “o traballo na desestacionalización, diversificación e internacionalización do destino, cunha aposta máis sostible e que xera riqueza, xunto cunha participación máis activa da poboación local”.
O director da Axencia repasou ademais algunhas cifras relativas ao peso da provincia de Pontevedra na demanda turística de Galicia. En concreto, para o total de 2024, Pontevedra sumou o 40% das noites da comunidade, converténdose na segunda provincia por peso, con 4,87M de noites realizadas.
Desde Turismo de Galicia quérese contribuír ao impulso do sector turístico da provincia a través dunha serie de produtos únicos, destacou Merelles. Entre eles está a Primavera de Portas Abertas, que se abre a próxima fin de semana en Monterrei e que visitará a Ruta do Viño Rías Baixas do 16 ao 18 de maio. Entre as distintas actividades que se desenvolverán, haberá visitas guiadas ás adegas, sendeirismo e catas de té ou queixos.