A Xunta renovará a cuberta do CEIP de Barouta e eleva a case 16 M€ o investimento nos centros educativos de Ames

Ames (A Coruña), 28 de abril de 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita hoxe a obra de cambio de cuberta do Colexio CEIP de Barouta por máis de 230.000€, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do centro. A previsión, suxeita aos correspondentes trámites administrativos, é iniciar a obra a finais de xuño, tras a fin do curso académico, e rematala en setembro deste ano.

A obra consistirá na substitución da cuberta existente por unha nova de paneis sándwich de 30 mm de espesor, incluíndo o illamento tanto da cubrición como do forxado. Serán, en total, 1600 m² de cuberta inclinada de panel metálico e 133,5 m² de impermeabilización de cubertas planas. Ademais instalaranse novos canlóns e baixantes e conectaranse á rede existente. 

A nova actuación eleva a preto de 16M€ o investimento da Xunta nas infraestruturas educativas de Ames, dos que o  proxecto de maior envergadura é a construción dun novo colexio no Milladoiro, en fase de licitación por máis de 12M€. Ademais, xa está rematada a ampliación do CEIP Agro do Muíño, que contou cun investimento de máis de 3,4M€.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta a través do que a Xunta está a modernizar os centros educativos galegos, dando ademais resposta á necesidade de prazas de escolarización en determinadas zonas, como é o Concello de Ames, con obras de nova construción e ampliación.

Deja un comentario