O festival científico CinVigo consolídase como un referente da divulgación científica

Desde unha alternativa ecolóxica ao carbón vexetal ata un estudo sobre a resistencia aos antibióticos, pasando pola exploración das aplicación dos bioplásticos. Múltiples propostas para impulsar o avance da sociedade a través da ciencia e todas elas ideadas con ilusión, esforzo e implicación por unha canteira de máis de 250 científicas e científicos dunha trintena de centros de Secundaria, Bacharelato e FP galegos. Todos estes proxectos, arredor de 70, foron presentados ao longo desta fin de semana nunha multitudinaria terceira edición do festival científico CinVigo. Ciencia na rúa.

A finalidade deste evento, organizado polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, é achegar o coñecemento científico a toda a sociedade e fomentar as vocacións científicas entre a mocidade e a cativada. Esta terceira edición desenvolveuse o sábado e o domingo na Porta do Sol de Vigo aberta á cidadanía con actividades para todas as idades, como espectáculos de ciencia, obradoiros científicos para público infantil ou unha xincana científica que, grazas á colaboración e participación do equipo da asociación Discamino, fixo de CinVigo un festival máis inclusivo.

Unha canteira de 250 futuros científicos e científicas

A feira científica, un dos eixos centrais do CinVigo, congregou equipos de estudantes de institutos de Ourense, Tomiño, Nigrán, Soutomaior, San Cibrao de Viñas, Catoira, Cangas do Morrazo, Mos, Redondela e, por suposto, Vigo. Despois de semanas de traballo previo, arredor de 250 mozos e mozas expuxeron en público durante a fin de semana os seus proxectos e acadaron máis de 12.000 votos rexistrados nunha aplicación coa que se decidiu o premio do público, que foi para Faro Sostible, unha proposta elaborada por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago. Tanto este como o resto de premios foron entregados nun acto de clausura que deu comezo pasadas as 13.00 horas do domingo. Na categoría Early researchers o premio foi para o proxecto Plantas eléctricas, presentado por estudantes de 2º de ESO do CPR Santiago Apóstol de Soutomaior. Pola súa banda, na categoría Young researchers, para alumnado 3º e 4º da ESO, o proxecto gañador foi Cristais Hidrófobos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño. O acto rematou coa entrega do primeiro galardón da categoría Teen researchers para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES A Guía, de Vigo, polo seu proxecto Microplásticos ao descuberto. 

A vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica da Universidade de Vigo, Adela Sánchez Moreiras, xunto co director do CINBIO, Miguel Correa, e a tenenta de alcalde e profesora da UVigo, Ana Mejías, foron os encargados de entregar os galardóns. Na súa intervención, Correa agradeceu a alta participación de alumnado e profesorado mentres que o alcalde, Abel Caballero, que tamén asistiu ao acto, valorou o enorme éxito desta iniciativa promovida polo CINBIO por terceiro ano consecutivo.

Dende a organización tamén destacan a alta asistencia de público ás actividades, con 800 cativas e cativos gozando dos obradoiros científicos infantís. Entre outras propostas, pudieron crear pulseiras sensibles á luz ultravioleta, explorar as propiedades da electricidade mentres construína circuítos con plastilina condutiva ou explorar os mundos microscópicos.  Ademais, o evento tamén incluiu o espectáculo Cienceando, que ofreceu un percorrido pola historia da ciencia a través de demostracións e experiencias espectaculares, así como a oportunidade de converterse en detectives por un día na xincana CinVigo Holmes polas rúas de Vigo. 

Esta edición de CinVigo contou, como vén sendo habitual, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e coa financiación da Xunta de Galicia e da Unión Europea, ademais de contar co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, do Concello de Vigo e da Autoridade Portuaria de Vigo e outras entidades como Radio Vigo, Büchi, Jasco, Frutas Nieves ou Portomédica. Ademais, CinVigo tamén contou co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Plan Corresponsables.