A infraestrutura verde protagoniza a conmemoración do Día da Terra na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

Lugo

Cada ano, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC conmemora a súa festividade o Día da Terra, data senlleira na que se reivindica un cambio cara a unha economía máis sustentable que funcione tanto para as persoas como para o conxunto do planeta. Con motivo desta celebración, a EPSE puxo o foco este xoves 24 na infraestrutura verde, “unha folla de ruta para construír espazos máis resilientes, e saudables, integrando os procesos naturais nos nosos modelos de desenvolvemento”, en palabras da directora do centro, Rosa Romero Franco. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, presidiu unha sesión na que se puido profundar na infraestrutura verde tanto a nivel local, como autonómico e estatal.

“Falamos de preservar, conectar e restaurar ecosistemas, pero tamén de mellorar a calidade de vida da cidadanía e abrir camiños de futuro no ámbito da enxeñaría, da ordenación territorial, da ciencia ambiental e das políticas públicas”, destacou a profesora Romero. Neste senso, a directora da EPSE salientou que na actualidade estase a tramitar un novo mestrado universitario que integra a infraestrutura verde como eixo estratéxico, “conectando os coñecementos e competencias da enxeñaría civil, agrícola e forestal”.

Esta visión interdisciplinaria “é clave para deseñar solucións baseadas na natureza que respondan aos retos climáticos, sociais e ecolóxicos”, sinalou. En palabras da directora da EPSE, “complementa e acompaña” as políticas que hoxe se están a desenvolver dende o Ministerio e dende Galicia, como os plans estatais e autonómicos sobre a estratexia de  Infraestrutura verde. “Non cabe dúbida de que son necesarios especialistas que teñan os coñecementos necesarios para que estas estratexias sexan exitosas”, destacou en referencia ao papel que a Escola desenvolve na formación das persoas profesionais do futuro.

“Como directora da Escola Reivindico o papel fundamental que  este centro tivo  e sigue a ter para o Desenvolvemento social e económico do noso país. Sen técnicos cualificados nas enxeñarías agroforestais, civil, paisaxe ou robótica, como os que se titulan nesta escola non se poden abordar de forma integral algúns dos grandes  desafíos que ten a humanidade na actualidade: cambio climático, mantemento da biodiversidade, uso eficiente dos recursos, sustentabilidade das produción e dos mercados, a ordenación e Xestión razoable do Territorio ou o uso equilibrado das novas tecnoloxías e da robótica”, concluíu.

Xornada de reflexión e debate

Na sesión tamén participaron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández; Tomás Fernández-Couto Juanas, subdirector xeral de Espazos Naturais da Xunta de Galicia; e Sagrario Sánchez Ramil, directora Territorial de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Pablo Ramil Rego, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC (IBADER) impartiu o relatorio ‘A Infraestrutura verde local e a restauración ecolóxica’; mentres que María Jesús Rodríguez de Sancho, directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, abordou ‘A Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e da conectividade e restauración ecolóxicas’. O caso galego foi analizado por Enrique Luis de Salvador Sánchez, director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, a través do relatorio ‘Estratexia Galega da Infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas’.
 

Asistentes ao acto
Asistentes ao acto