Lugo, 23 de abril de 2025
O Conservatorio de Danza de Lugo convoca este sábado día 26 o XI Encontro de Centros de Danza de Galicia, no marco das actividades arredor do Día Internacional da Danza que se conmemora o 28 de abril.
O centro lucense, o único dependente da Xunta onde se poden cursar as ensinanzas elementais e profesionais na materia, organiza unha función no auditorio Fuxan os Ventos que dará comezo ás 19.30 horas e na que participarán preto de 200 bailaríns de 19 centros da especialidade. Esa mesma mañá terán lugar nas instalacións do Conservatorio diferentes obradoiros impartidos por profesorado das escolas inscritas.
Así mesmo, mañá xoves celebrará tamén no auditorio un concurso coreográfico para o seu propio alumnado, que está dedicado á bailarina e coreógrafa española Tamara Rojo, directora do San Francisco Ballet. Comezará ás 19.30 horas e distribuirá premios en catro categorías: ao mellor bailarín, bailarina e coreografía, ademais da coreografía que elixa o público asistente.
As entradas para os espectáculos poden conseguirse de balde na web www.entradaslugo.es, na Oficina de Turismo de Lugo ou no propio auditorio desde hora e media antes do comezo.