As inundacións costeiras son un dos riscos naturais máis comúns a escala global e en Europa, con importantes repercusións económicas, sociais e ecolóxicas como as sufridas recentemente pola DINA en Valencia, Málaga ou Barcelona. Estes riscos ou catástrofes crean unha necesidade urxente de desenvolver métodos fiables de avaliación preventiva do risco, xestión e comunicación coa fin de reducir a vulnerabilidade costeira, protexer as persoas e mellorar a adaptación dos sistemas bio-físicos cara a unha maior resiliencia. Por outra banda, é importante comprender as dinámicas do océano a través de modelos avanzados capaces de mitigar os desafíos do clima.
Para dar resposta a estes grandes retos, o grupo EqualSea do CRETUS da USC, especializado en resiliencia e sistemas socio-ecolóxicos costeiros e que dirixe o profesor Sebastian Villasante, acaba de conseguir dous novos proxectos financiados pola Comisión Europea, un de cuantificación do impacto das inundacións costeiras e outro de desenvolvemento de novos modelos climáticos.
O primeiro deles, coordinado pola Universidade de Granada cun orzamento de 2 millóns de euros e unha duración de tres anos, empregará un enfoque holístico para investigar os impactos económicos e sociais do risco de inundacións. No consorcio do proxecto ‘Ecosystem services to enhance the resilience of coastal regions and communities to flood risks in a catchment to sea perspective’ financiado pola convocatoria Water4All 2023 Joint Transnational Call on Aquatic Ecosystem Services participa a USC a través do CRETUS, ademais das Universidades Politecnica delle Marche e Lusófona, o Karlsruhe Institute of Technology e o Institute of Geophysics Polish Academy of Sciences.
Concretamente, o equipo de CRETUS EqualSea será responsable de avaliar a resistencia, recuperación e robustez dos ecosistemas e poboacións fronte ao cambio climático e deseñar unha ferramenta de apoio á toma de decisións para a adopción de políticas preventivas a partir de solucións multifuncionais, escalables e xeralizables. Ademais, realizará unha avaliación de escenarios futuros de risco de inundacións empregando ferramentas de realidade virtual.
MORAI
O segundo proxecto europeo ao que se suma EqualSea é ‘Multiscale Ocean models and Information for climate Risk Assessment and Impact mitigation’ ou, polas súas siglas, MORAI, un nome que evoca á perfección o propósito deste proxecto pioneiro xa que fai referencia ás tres deusas gregas tecedoras do tapiz do tempo. Do mesmo xeito, os investigadores integrarán datos históricos, observacións actuais e predicións futuras para chegar a unha comprensión das dinámicas do océano a través de modelos avanzados capaces de mitigar os desafíos do clima. Integrado en Destination Earth e Digital Twin of the Ocean e coordinado pola National Technical University of Athens (Grecia) ten como obxectivo concreto desenvolver, probar e implementar a próxima xeración de modelos climáticos e de risco oceánico rexionais, costeiros, físicos e bioquímicos adecuados para o Servizo Marítimo de Copernicous.
Neste proxecto EqualSea Lab únese a BIOGRUP, representado pola profesora da USC María Teresa Moreira, para formar parte dun gran equipo interdisciplinar e internacional xunto a outras 14 institución de seis países, entre as que se atopan a Danish Meteorological Institute, o Barcelona Supercomputing Centre ou o Alfred Wegener Institute. O orzamento destinado a este proxecto, financiado por Horizon Europe (HORIZON), é de máis de 3.5 millóns de euros.