Campus Crea proxéctase ante a cidadanía cunha semana de actividades que poñen o foco na sostibilidade

Ata este venres 25, diferentes facultades e escolas do campus de Pontevedra e outros espazos da cidade acollen as conferencias, obradoiros, mesas de debate e actividades culturais que conforman o programa da Semana CREA, que neste 2025 ten como eixe temático a sostibilidade. A sede da Vicerreitoría acolleu este martes o acto inaugural desta Semana CREA, que ten como obxectivo dar visibilidade o proxecto de especialización do campus pontevedrés, a través dun conxunto de actividades abertas á cidadanía. Promovida polo Campus Crea, co patrocinio da Deputación de Pontevedra, esta programación incorpora por primeira vez un eixe temático, co obxectivo tanto de “proxectar todo aquilo no que estamos traballando no campus de especialización”, como de “xerar pensamento e reflexión sobre a sostibilidade”, como salientou Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus Crea.

A programación que cada ano se desenvolve coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Creatividade e da Innovación, constitúe un “punto estratéxico” á hora de dar “unha maior visibilidade ao campus de especialización”, engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, neste acto inaugural. “Un dos eixes estratéxicos deste traballo é conseguir que o Campus Crea se consolide, de forma que poidamos conseguir a acreditación”, como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia, sinalou a vicerreitora. Lantarón destacou nese senso a “singularidade” dun campus, con varias titulacións “de carácter creativo, únicas en Galicia” e que, sumadas á propia actividade cultural de Pontevedra, fan desta “unha das cidades máis importantes a nivel internacional” no eido da creatividade.

Neste acto inaugural, Lantarón salientou tamén o apoio da Deputación de Pontevedra, representada polo seu vicepresidente primeiro, Rafael Domínguez, quen subliñou que “é moi importante abrir unha reflexión sobre a sustentabilidade”, como promove unha programación que achega á Pontevedra “nomes de primeira orde, como o considerado un dos mellores publicitarios do século XX, Toni Segarra, ou a investigadora e deseñadora Elisa Palomino”.

Espallando a creatividade pola cidade 

Como explicou Fernández Souto, a programación desta Semana da Creatividade engloba un conxunto de actividades, “que non están circunscritas á comunidade universitaria” e que continúan na liña de edicións previas, mais incorporando desta volta“o foco da sostibilidade”, baixo o lema de Pensarmos futuros sostibles. Do mesmo xeito, coa idea de “crear na cidade un ambiente de creatividade”, desde a organización buscaron levar esta programación a “diferentes espazos”, máis aló dos centros universitarios, grazas á colaboración de institucións como o Museo de Pontevedra. 

Nesta Semana CREA insírense conferencias como a que na tarde deste martes permitirá afondar na traxectoria da investigadora da University of Arts de Londres Elisa Palomino. Despois de traballar durante máis de 25 anos como deseñadora para firmas como John Galiano ou Dior, Palomino, centra actualmente o seu labor na docencia e na investigación, conectando moda, antropoloxía e sostibilidade. Da man desta investigadora, este martes arrancou tamén, na Facultade de Belas Artes, o obradoiro Materiais sustentables, tradición versus greenwashing, unha das propostas formativas inseridas na programación desta semana, que botou a andar xa na tarde do luns coa primeira sesión dun taller que permite iniciarse na creación dun libro téxtil a través do bordado e do colaxe, da man da artista gráfica Martiza Berttollini.

Estes dous obradoiros continúan na xornada do mércores, na que tamén terá lugar en Belas Artes a conferencia Impropias – Inapropiadas, do artista e profesor da Universidad de Salamanca Carlos Rodríguez-Méndez. Nesta mesma xornada, o Museo de Pontevedra acollerá a mesa Deseño e sociedade; inclusión e sociedade, coa participación das deseñadoras gráficas Raquel Boo e Zeltia Iglesias, xunto coa profesora Silvia García. Tamén no Museo, na tarde do xoves celebrarase o coloquio Isto é colexio, promovido coa colaboración de Creatividade Galega e no que participarán dúas das principais figuras da industria publicitaria en España, cuxos traballos foron recoñecidos en festivais internacionais como o de Cannes. Conducida por Julián Abad, presidente de Creatividade Galega, esta mesa reunirá ao director creativo de Alegre & Roca, Toni Segarra, quen fora nomeado mellor creativo español do século XX pola revista Anuncios; e o director xeral creativo de VML The Cocktail, David Caballero. 

Tamén o xoves 24, a Facultade de Deseño acollerá unha conferencia sobre sustentabilidade e o futuro do sector téxtil, a cargo do director de Sods Estudio, Manuel Heredia. 

Finalmente, a Semana CREA celebrará o seu acto de clausura na tarde do venres 25, no local da asociación Kentada, coa inauguración da exposición Las hierbas que él arrojó. Esta mostra reunirá os resultados dun obradoiro impartido polos artistas e investigadores da Facultade de Belas Artes Julio Catalán, Álex Fuertes e Andrea Otero, que nestes días guiarán ás e aos participantes na creación dunha serie de obras a partir de materiais de refugallo e obxectos atopados nas rúas da cidade. Tamén na tarde do venres, a Casa das Campás acollerá unha nova sesión do ciclo de cinema Sobre vivir (II), inserido tamén nesta programación.

Premios e olimpíadas

Este acto de apertura serviu tamén para presentar a quinta edición dos Premios CREA, que teñen como obxectivo “dar un valor engadido e un recoñecemento social” ao persoal docente e investigador e ao estudantado “que fai investigacións sobre creatividade”, como sinalou Fernández Souto. Aberto, a presentación de investigacións, publicacións e obras creativas, nun sentido amplo, trátase dun certame que buscará tamén pór “un foco especial naquelas investigacións que supoñen unha transferencia do coñecemento cara a sociedade”.

Como recolle a súa convocatoria, estes V Premios CREA contan con dúas categorías, unha dirixida a persoal docente e investigador, na que se outorgará un premio de 1500 euros, e outra na que se recoñecerán os proxectos do alumnado de grao, mestrado e doutoramento cun premio de 750 euros. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de xullo e, no caso de proxectos con máis dun autor ou autora, cando menos un debe estar vinculado a algunha das titulacións, centros ou grupos de investigación do Campus Crea.

A esta programación sumarase o vindeiro mércores 30 de abril a celebración da primeira Olimpíada da Creatividade, unha competición na que participarán dez equipos de estudantes de cinco institutos de diferentes partes de Galicia. “É a primeira vez que se realiza e supón tamén un punto de encontro interesante para dar visibilidade ao noso campus”, salientou Lantarón desta competición científica, que pon o foco no uso da creatividade para xerar innovacións e que terá lugar no edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública.