O Campus Terra da USC impulsa unha nova vaga de cursos a través do seu plan formativo que se desenvolverán ao longo do mes de abril no Campus de Lugo. Trátase de preto dunha decena de actividades centradas nos ámbitos que abarca este campus de especialización da USC. As inscricións poden formalizarse a través dun formulario en liña.
O seminario ‘A Vida nunha Gota: Bioquímica e Tecnoloxía para Salvar Vidas’ baséase no documental La Vida en una Gota dirixido por Pedro Lendínez, no que aborda o impacto das metabolopatías e a importancia da súa detección temperá a través do cribado neonatal. O documental amosa como unha simple gota de sangue extraída na proba do talón pode ser clave para diagnosticar enfermidades metabólicas conxénitas, cuxo tratamento precoz pode mellorar significativamente a calidade de vida das persoas afectadas. Sobre esta base, proponse un seminario que permita a visualización do documental, seguido dun debate co estudantado. A actividade terá lugar o 22 de abril ás 18.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias.
‘Re_imaxinando a alimentación dende o prato_do_territorio’ é un seminario coordinado por Luzia Oca e impartido por Lucas Requeijo, fundador e director da Axencia de Innovación Alimentaria da Mariña Prato DO. A actividade ten como obxectivo, a través dunha metodoloxía participativa, axudar a que o estudantado comprenda a necesidade de imaxinar escenarios posibles para alimentarnos nun futuro, reflexione sobre as fontes inspiracionais do pasado e adapte ideas e habilidades para resolver problemáticas reais que afectan as comunidades dos territorios, especialmente as persoas produtoras de alimentos. O seminario terá lugar o 24 de abril ás 16.00 horas na Aula 2 da Facultade de Ciencias.
O seminario ‘Estratexia Galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas’ ten como obxectivo dar a coñecer a ‘Estrategia Gallega de Infraestructura Verde y de la Conectividad y la Restauración Ecológicas [Estrategia Gallega de Infraestructura Verde]’, onde se establece o marco xeral da infraestrutura verde para o ámbito mariño e terrestre de Galicia, así como para os grandes ámbitos urbanos-periurbanos, e como ferramenta para dar cumprimento aos requirimentos fixados polas normas e estratexias da Unión Europea e do Estado. A actividade desenvolverase o 24 de abril, dende as 10.00 horas, no Salón de Actos da EPSE.
O mesmo día e á mesma hora, realizarase un seminario relativo á ‘Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración Ecolóxicas’. Esta actividade ten como obxectivo dar a coñecer a toda a comunidade universitaria, ademais de egresados, profesionais e público xeral a ‘Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración Ecolóxicas’ (ENIVCRE), como ferramenta que establece o marco administrativo e técnico harmonizado para o conxunto do territorio español.
O seminario ‘Aplicación de sensores e monitorización no gando vacún’, dirixido a estudantado e PDI, ten como obxectivo comprobar a utilidade das novas tecnoloxías de monitorización de actividades do gando vacún en extensivo e a súa importancia na xestión eficiente da explotación. Os obxectivos desta actividade que se desenvolverá o 24 de abril, ás 16.00 horas, na sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria, e que vai ser impartida por Elio López, CEO de Innogando, son dar a coñecer e incentivar o uso das novas tecnoloxías na gandería de precisión, implementar prácticas sostibles na protección e no benestar animal, entender as necesidades de dixitalización no sector enfocados especialmente a os novos perfís profesionais e aplicar a monitorización e sensorización nas actividades fisiolóxicas dos animais (pastar, rumiar, camiñar, comer, descansar, ou xogar, entre outras) para a obtención de datos útiles na xestión das explotacións.
Cursos
O curso de ‘Deseño de maquetas para proxectos de enxeñaría’ trata de dar un enfoque integral de como a creación de prototipos modernos é fundamental para tomar decisións fundamentadas en proxectos de enxeñería e robótica e constitúe unha parte estratéxica do conxunto de ferramentas dun deseñador de produtos exitoso. Este curso ten como obxectivos o deseño de maquetas e prototipos en proxectos de enxeñería para comprender os problemas de deseño, explorar solucións máis imaxinativas, investigar máis a fondo a interacción humana e probar a súa funcionalidade. Iniciarase o 25 de abril ás 16.00 horas na Aula de Instrumentación da EPSE.
No curso de Iniciación a Docker, as persoas participantes coñecerán as tecnoloxías de contedores e a súa importancia para integralas no seu proceso de administración de sistemas. Docker estase a converter nunha das solución máis solicitadas para levar a cabo as implantacións de servizos na nube. Ao rematar o curso, e grazas ao carácter práctico do mesmo, os/as participantes terán os coñecementos necesarios para a xestión de contedores Docker nun entorno de servidor GNU/Linux. Iniciarase o 23 de abril ás 16:30 horas na EPSE.
Finalmente, o curso ‘Fabricación de maquetas para proxectos de enxeñaría’ ten como obxectivos a fabricación e implementación práctica de maquetas e/ou prototipos para proxectos de enxeñería para comprender os problemas de fabricación e as especificacións de funcionamento nominais dun sistema mecánico e as súas limitacións. Iniciarase o 28 de abril ás 16:00 horas na Aula de Instrumentación da EPSE.