Campioas do mundo, medallistas en competicións internacionais, xogadoras das máximas categorías de balonmán, fútbol sala ou baloncesto… Nas aulas da Universidade de Vigo formáronse no presente curso un total de 96 deportistas de elite, 44 mulleres e 52 homes. Trátase da cifra máis elevada de alumnado con esta acreditación desde a aprobación en 2021 do Estatuto do Estudantado Deportista, que establece unha serie de medidas orientadas a favorecer a conciliación da vida académica e a práctica deportiva. Preto de 70 destes estudantes fórmanse no campus de Pontevedra, sendo Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con 35, o grao con máis alumnos e alumnas con esta acreditación, seguido de Fisioterapia con 16.
Estudantes dunha vintena de titulacións, compiten en 30 modalidades diferentes, sendo o piragüismo, o atletismo e o taekwondo as disciplinas con maior número de representantes. Este recoñecemento como deportistas de elite achégalles unha serie de vantaxes, como poder escoller o horario, quenda ou grupo que máis se axuste ás súas necesidades, ter flexibilidade no calendario de exames ou obter un recoñecemento de ata seis créditos ETCS. Este rexistro abrirá de novo a súa inscrición o 1 de setembro e poden obter esta consideración, entre outros, as e os estudantes que conten co recoñecemento de deportistas de alto nivel, estatal ou autonómico, ou de alto rendemento; aqueles e aquelas que compitan na máxima categoría estatal ou profesional nas modalidades deportivas de equipo ou as e os integrantes dos programas de apoio ao deporte olímpico e paralímpico ADO e ADOP.
A estes 96 deportistas de elite súmanse os 18, once mulleres e sete homes, que no presente curso foron recoñecidos coma deportistas de nivel intermedio, 16 delas e deles por asistir aos Campionatos de España Universitarios.
Nove veces campioa de España
Ciencias da Educación e do Deporte é a facultade con maior número de deportistas de elite e nela fórmase Aintzane Dapena, que o pasado mes de maio proclamábase por novena vez campioa de España de tumbling, unha disciplina de ximnasia de trampolín na que realízanse unha serie de acrobacias ao longo dunha pista de 25 metros. “É a modalidade que máis me gusta e que levo practicando desde pequena”, recoñece a deportista viguesa, que en 2023 competía por segunda vez no campionato do mundo absoluto, tras terse clasificado tres veces en categoría júnior. “Despois de anos sen poder practicalo foi un gran logro para min”, lembra Dapena, que anos atrás competía tamén na modalidade de dobre mini-tramp, na que conseguira o bronce, na competición por equipos, tanto nun europeo absoluto como noutro júnior. “Deixei de practicalo de maneira profesional hai un par de anos debido a unhas caídas repetidas de pescozo que me provocaron un bloqueo mental”, recoñece Dapena, centrada agora no tumbling. A estudante do campus pontevedrés adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) co seleccionador nacional desta modalidade, Pablo Hinojosa, á vez que cursa o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Dependendo da época, faise máis fácil ou máis difícil”, recoñece de compaxinar ambas facetas, tendo en conta ademais que “en época de exames é cando temos as competicións importantes. Pero ata agora lévoo moi ben”, engade, ao tempo que destaca a axuda que supón o recoñecemento como deportista de elite á hora de modificar as datas dalgún exame ou “prescindir dalgunha clase práctica por non ter excesiva carga de adestramento”.
Deportista do Club Ximnasia Pontevedra, Dapena que recoñece que desde pequena mostrouse interesada “en estudar algo relacionado co deporte” e que isto sérvelle tamén “para aplicar certos coñecementos á miña carreira deportiva”. Mirando ao futuro, sinala que lle gustaría dedicarse á docencia, ao tempo que no eido deportivo sinala como principal reto “clasificarme para o Mundial 2025 en Pamplona”.
Máis de 20 medallas internacionais
Estudante de Fisioterapia, a segunda facultade da UVigo con máis deportistas de elite, na traxectoria deportiva en salvamento e sorrocrrismo, na modalidade de piscina de Antía García figuran once medallas en campionatos de Europa de categoría absoluta, unha medalla de ouro no Campionato do Mundo, 13 medallas en europeos e mundiais júnior, récords de España e numerosas medallas en campionatos estatais. Fitos que foi sumando ao tempo que avanzaba nos seus estudos, graduándose primeiro en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, para cursar logo Fisioterapia. “Era algo que me gustaba desde hai tempo”, sinala García, que recoñece ir compaxinando “como podo” estudos e adestramentos. “En primeiro e segundo, faltaba máis á clase, sobre todo ás teóricas, para poder ir adestrar”, engade a deportista do Club Acuático Umia, que destaca as facilidades que este estatuto lles achega á hora de “cambiar as prácticas de día ou se non podo ir aos exames”.
García combina tamén as aulas da UVigo cos adestramentos co grupo de natación do CGTD. De feito, ten o récord galego de 50 metros libres e 50 metros bolboreta e hai uns meses quedaba preto das medallas no Campionato de España. Mais o seu, lembra, é o salvamento e socorrismo, disciplina na que a súa principal motivación para seguir competindo ao máximo nivel “é gozar da xente e pasalo ben”. Non en van, en 2022 lograba a medalla que lle faltaba no seu palmarés, unha prata na proba de 100 metros manequín aletas nos World Games, unha sorte de olimpíadas para disciplinas non presentes nos xogos. No horizonte, engade, atópase tratar de repetir a experiencia na edición de 2024 en China, pero previamente tocará afrontar, neste mes de agosto, o Campionato do Mundo, que terá lugar Australia, onde intentará sumar novos éxitos a unha carreira deportiva que levouna a ser recoñecida coa Medalla ao Mérito Deportivo e a que lle desen o seu nome á piscina municipal de Caldas de Reis.
O alumno con máis medallas nun mundial universitario
Estudante da Escola de Enxeñaría Industrial, o piragüista Yeray García logrou en 2022 un fito histórico como deportista e alumno da UVigo, cinco medallas no Campionato do Mundo Universitario, a cifra máis alta acadada por un representante da institución viguesa. No torneo disputado en Polonia, o tamén inscrito como deportista de elite sumou dous ouros e tres pratas, nas probas de C2 e C4, e o vindeiro mes de agosto repetirá experiencia no mundial universitario, que desta volta terá lugar na localidade portuguesa de Montemor-o-Velho. “Gústame dar o máximo de min mesmo e ver ata o podo chegar”, sinala o canoísta do Club Piragüismo Illa de Arousa, quen recoñece que o piragüismo levouno “a momentos duros, como derrotas, lesións” ou a perderse “momentos familiares ou con amigos”, pero tamén deixou outros que “compensan todos os anteriores”, como medallas en competicións estatais ou o mundial universitario de 2022, “unha experiencia inesquecible, tanto polos resultados como pola viaxe a Polonia e as amizades que aínda perduran desta”.
García Vidal lembra aquel torneo e as probas de C2, nas que competía con Diego González, como “especialmente emocionantes” e mirando o futuro, destaca que, pese a que o soño de todo deportista é participar nuns Xogos Olímpicos, “o meu principal obxectivo é superarme a min mesmo día a día”. Ese afán de superación faise preciso tamén á hora de compaxinar adestramentos, competicións e estudos. “A clave está en como organices o teu tempo”, xa que ambas facetas “requiren moito”, destaca García. “Tardei un tempo en acadar unha dinámica que me permita compaxinalas”, subliña este alumno do campus vigués, que a comezos de cada curso organiza todo o seu horario, «de setembro a xullo”, tendo en conta tanto adestramentos como as materias nas que matricularse. De aí que incida no positivo de que o Estatuto do Estudante Deportista permítalles “certas liberdades á hora de escoller algún grupo e cambiar as datas de exames por competicións”.