Lugo
O castiñeiro europeo (Castanea sativa Mill.), unha das especies nativas máis emblemáticas da Península Ibérica, enfróntase a un futuro incerto debido ao cambio climático. Un estudo publicado na revista Frontiers in Forests and Global Change e no que participa persoal investigador da USC, da Universidade de Oviedo, e do Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade (Universidade de Oviedo, CSIC e Principado de Asturias), Universidade de Granada e a Fundación Oso Pardo avaliou a idoneidade do hábitat do castiñeiro ata o ano 2100 baixo diferentes escenarios climáticos. Os resultados anticipan unha tendencia á redución da idoneidade do hábitat, con perdas máis pronunciadas nas rexións mediterráneas, mentres que as zonas atlánticas presentan unha maior resiliencia.
Ante esta situación, o equipo investigador destaca a necesidade de dispoñer de estratexias de mitigación activas, co obxectivo de conservar a especie e promover a súa sustentabilidade a longo prazo. O castiñeiro europeo é unha especie nativa da Península Ibérica que foi inicialmente promovida por gregos e romanos debido ao seu alto valor alimenticio e forestal, aínda que non foi ata a Idade Media cando o seu cultivo se consolidou como unha práctica habitual en moitos sistemas agroforestais, xa que proporcionaba madeira de alta calidade e froitos básicos para as comunidades rurais. Ao longo dos séculos, mantivo un papel relevante nos ecosistemas ibéricos e na economía local, pero o impacto do cambio climático podería poñer en xaque a súa distribución e capacidade produtiva nas próximas décadas.
O equipo investigador subliña que o hábitat idóneo do castiñeiro está estreitamente vinculado a rexións húmidas, con precipitacións anuais superiores a 800 litros por metro cadrado e temperaturas medias entre 10 e 15 graos centígrados, condicións que actualmente se atopan principalmente no norte da Península Ibérica. “As proxeccións climáticas do noso estudo indican que o hábitat idóneo para o castiñeiro sufrirá unha redución progresiva nas próximas décadas, especialmente nas rexións mediterráneas, onde o aumento de temperaturas e a diminución de precipitacións limitarán a súa capacidade de supervivencia”, comentan.
En cambio, “as rexións atlánticas, con maiores niveis de humidade, mostran unha maior resiliencia fronte ao cambio climático, aínda que o castiñeiro podería verse afectado pola competencia con outras especies máis adaptadas ás novas condicións”, engaden. Como consecuencia, “estimamos que o castiñeiro experimentará un desprazamento altitudinal duns 60 metros de media, migrando cara a zonas máis elevadas onde as condicións ambientais sexan máis favorables”, resaltan.
Emilio Díaz Varela, profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do grupo de investigación COMPASSES, indica que “estas variacións na distribución óptima do castiñeiro subliñan a necesidade de adoptar un cambio nos enfoques da xestión forestal, da paisaxe e do territorio, fronte a unha situación na que a supervivencia da especie precisará da comprensión das súas dinámicas de adaptación e evolución en escenarios climáticos cambiantes”.
Como asegurar a súa supervivencia?
O estudo destaca a necesidade de estratexias de mitigación e adaptación para asegurar a supervivencia do castiñeiro na Península Ibérica. Entre as principais medidas recomendadas atópanse a selección xenética de variedades máis resistentes á seca e a temperaturas extremas, o manexo eficiente da auga en plantacións agroforestais, e a restauración de ecosistemas forestais degradados. “Estas accións serán fundamentais para garantir a sustentabilidade do castiñeiro a longo prazo e preservar o seu papel na biodiversidade e na economía rural de moitas rexións ibéricas”, apuntan. Por outra banda, a diferenzas en resiliencia e vulnerabilidade entre diferentes áreas da península subliñan a necesidade dunha xestión estratéxica.
“Será necesario mellorar a capacidade de coordinación entre diferentes organismos, institucións e sectores da sociedade para afrontar os retos asociados a unha elevada diversidade de situacións para a conservación do castiñeiro fronte á incerteza climática”, sinala o profesor do Campus Terra da USC. O castiñeiro non só representa unha fonte de recursos madeireiros e alimentarios, senón que tamén desempeña un papel crave na estrutura e funcionamento dos ecosistemas forestais. As persoas autoras do traballo explican que o seu declive podería xerar cambios na composición dos bosques e na dispoñibilidade de hábitats para diversas especies, o que afectaría tanto á flora como á fauna dependente destes ecosistemas. Por iso, a investigación e o desenvolvemento de estratexias de conservación e adaptación preséntanse como un reto prioritario para persoal científico, xestión forestal e comunidades rurais que dependen deste recurso.
Este estudo realizouse no marco do proxecto LIFE19 NAT/É/000913 ‘Osos con Futuro’, financiado pola Unión Europea e coordinado pola Fundación Oso Pardo. Tamén recibiu apoio financeiro adicional do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España.