Lugo
As investigacións desenvolvidas por Antía Domínguez González e Iria Martínez Sambade acaban de ser recoñecidas ex-aequo na novena edición dos premios Enxeñaría e Muller Rural que impulsa a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Ambos os estudos foron distinguidos na modalidade A do certame ao mellor Traballo Fin de Grao defendido por unha muller.
O traballo Caracterización e emprego de asfalto reciclado (RA) na fabricación de mesturas bituminosas: evolución tecnolóxica e caso de estudo, presentado por Antía Domínguez González para a obtención do Grao en Enxeñaría Civil, foi valorado polo xurado pola “inmediata aplicabilidade da idea á enxeñaría civil xa que o proxecto se desenvolve con empresas do sector”. O ditame subliña tamén “o seu carácter innovador” polo reemprego de restos de firme e refugallos plásticos no desenvolvemento de novos firmes, substituíndo áridos naturais e deste modo contribuír á economía circular é ao uso eficiente dos recursos.
Proxecto de deseño dunha piscifactoría de rodaballo (SCOPHTHALMUS MAXIMUS) no porto de Burela (LUGO) para 250 toneladas é o título do traballo presentado por Iria Martínez Sambade para a obtención do Grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria. O xurado valorou “a alta aplicabilidade do proxecto e o seu carácter innovador dentro do tipo de proxectos que se presentan habitualmente, e en comparación cos proxectos deste tipo en marcha na comunidade autónoma”.
Xurado e acto de entrega
O xurado estivo composto por Mª Dolores Fernández Rodríguez, presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero que actuou como presidenta; Ana Isabel García Arias, secretaria da Comisión de Igualdade de Xénero que actuou como secretaria, pero sen voto; Mª do Mar Pérez Fra, vogal representante da Comisión de Igualdade de Xénero; e Mª del Pilar González Hernández, vogal representante da Comisión de Igualdade de Xénero.
O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro luns, 10 de marzo, ás 12.30 horas, nunha sesión na que intervirán a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a directora da Escola, Rosa Romero Franco; e Ana Isabel García Arias, secretaria da Comisión Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría da USC.