Lugo
O reitor Antonio López Díaz preside este luns 24, no Edificio CACTUS do Campus de Lugo, a recepción ao Comité Avaliador do Campus Terra. A visita conta coa participación do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; Irene Bonome Gradaílle, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria; e Mercedes Vázquez Santamarina, xefa do Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación, ademais dun comité de especialistas encargados de avaliar este campus de especialización da USC con sede no Campus de Lugo. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, tamén estiveron presentes nesta xuntanza.
A visita estenderase ata o martes 25 e no seu transcurso o comité poderá percorrer distintos centros da sede universitaria lucense, ademais de participar en xuntanzas con grupos de investigación, empresas ou colectivos de mocidade investigadora, entre outros. O Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, o Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET), a Aula de Habilidades Clínicas da Facultade de Veterinaria, os Laboratorios de Nutrición e Bioquímica da Facultade de Ciencias, o Laboratorio de Automatización de procesos robotizados da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) ou a Finca de Prácticas da EPSE son algúns dos escenarios incluídos nesta visita na que tamén haberá oco para xuntanzas con persoal técnico de investigación.
O Campus Terra de Lugo, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, nace como resultado do acordo entre a USC e a Secretaría Xeral de Universidades, dependente da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, coa intención de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.