631 estudantes da Universidade de Vigo estudarán fóra de España o vindeiro curso

631 estudantes da Universidade de Vigo poderán estudar fóra de España o vindeiro curso (2025/2026). Son os alumnos e alumnas seleccionados para participar nos diferentes programas de mobilidade internacional, estudantes que esta semana foron convocados a diferentes xornadas informativas nos tres campus, encontros que arrancaron este martes en Vigo e continúan hoxe en Ourense e mañá en Pontevedra.

Se ben non se trata de cifras definitivas, xa que unha pequena porcentaxe sempre acostuma renunciar, si confirman unha clara tendencia á alza no número de estudantes que buscan completar os seus estudos realizando unha estadía internacional. A inmensa maioría (93%) optan por quedar en Europa, a través do programa Erasmus, pero cada vez son máis persoas as que elixen destinos extracomunitarios, opción pola que se decantan 31 estudantes (4,9%), ás que se suman 8 persoas con axudas ISEP e dúas do programa GE4 (Global Education: Exchanges for Engineers and Entrepreneurs), específico para o ámbito da enxeñaría.

Italia e Polonia mantéñense como destinos predilectos

Os destinos predilectos seguen a ser Italia (167) e Polonia (138), seguidos, xa a moita distancia, por países como Portugal (41), Alemaña (23) ou Francia (13).

En canto aos países extracomunitarios, nesta ocasión destaca o caso de Corea, destino seleccionado por sete estudantes de distintos centros UVigo (Filoloxía e Tradución, Ciencias, Química, Enxeñería Industrial e Ciencias Xurídicas e do Traballo). Mantéñense ademais os destinos americanos (sobre todo México, Arxentina e Brasil)  e aparecen na llistaxe lugares como China e, máis concretamente, a prestixiosa Universidade Politécnica de Hong Kong, a onde se desprazará unha alumna da Escola de Enxeñería Industrial.

300 de Vigo, 188 de Ourense e 142 de Pontevedra

Dos máis de 600 alumnos e alumnas que o vindeiro ano realizarán estancias no estranxeiro, 300 estudan nas diferentes escolas e facultades do campus de Vigo. O centro que máis estudantes enviará fóra é a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con 61, seguido da Facultade de Filoloxía e Tradución, con 44, e, moi de preto, centros máis pequenos como as facultades de Comercio (39) e Ciencias Xurídicas e do Traballo (37).
No caso do campus de Ourense solicitaron realizar unha estadía internacional 188 estudantes, liderando a petición deste tipo de estadías as alumnas e alumnos da Facultade de Educación e Traballo Social (53), seguida de centros como a Escola de Enxeñaría Informática (30), a Facultade de Ciencias (23) ou Ciencias Empresariais e Turismo (22). Destaca o caso da nova Facultade de Relacións Internacionais, desde onde se rexistraron 21 solicitudes, unha cifra moi elevada para un centro de recente creación (curso 2022/2023) e cun reducido número de prazas de ingreso,  pero con clara vocación ‘internacional’.

En Pontevedra o alumnado máis viaxeiro é o da Facultade de Ciencias da Comunicación, con 62 solicitudes, así como o de Ciencias da Educación e do Deporte con 52. En menor medida, desprazaranse tamén a outros países o alumnado da Facultade de Belas Artes (19), Fisioterapia (4), Dirección e Xestión Pública (2), Enxeñaría Forestal e a EU de Enfermaría.

Arranca a conta atrás

Unha vez seleccionados, o proceso xa está en marcha, por iso desde a Oficina de Relacións Internacionais organizaron para esta semana xornadas informativas nos tres campus sobre os procesos a seguir, axudas, etc. 

No campus de Vigo asistiron á xuntanza na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais arredor de 240 estudantes. Deulles a benvida a vicerreitora de Relacións Internacionais, Maribel de Pozo, e, a continuación, foi o persoal da Oficina de Relacións Internacionais, o encargado de irlles explicando información práctica dos diferentes procesos que teñen que levar a cabo, antes e durante a estancia, bolsas ás que poden acceder, tramitación de visados, etc.

En Ourense a cita é hoxe  mércores no salón de graos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. No caso de Pontevedra a xornada está prevista para mañá xoves ás 14.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.