Lugo

A oitava edición da mostra ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’ consta de 37 paneis en galego nos que se dá cabida a case medio centenar de educadoras referentes de diferentes épocas, xeografías e orientacións pedagóxicas, e representa o produto final do traballo do estudantado da materia ‘Teoría e Historia da Educación Escolar’ do primeiro curso do grao en Mestra/Mestre de Educación Primaria e do dobre grao Mestra/Mestre de Infantil+Primaria. A exposición inaugurarase o luns 17, ás 17.00 horas, na Facultade de Formación do Profesorado, e poderá visitarse ata o vindeiro 3 de marzo.

Coa mostra preténdese poñer en valor “o labor que todas as mulleres educadoras viñeron realizando ao longo do tempo, un esforzo individual e colectivo non sempre ben recoñecido, e mesmo ás veces silenciado, pero que malia todos os atrancos contribuíu a consolidar os alicerces da acción educacional”, sinala o profesor Francisco Xosé Candia Durán.

Nomes propios

Con ese obxectivo, seleccionáronse ata 44 figuras representativas do labor feminino no mundo da educación, de épocas, xeografías, especializacións e tendencias pedagóxicas moi variadas. Así, entre o elenco de protagonistas figuran referentes galegas como María Barbeito, Elvira Bao, Antonia Ferrín, Antía Cal ou a contemporánea Camino Pereiro. Españolas como Rosa Sensat, Justa Freire, Margot Moles, María Antònia Canals ou a actualmente promotora dos «patios e parques dinámicos» Gey Lagar. Educadoras da Antigüidade como Safo de Lesbos, Aspasia de Mileto ou Hipatia de Alexandría. Norteamericanas como Emma Willard, Anne Sullivan ou Helen Parkhurst. Tamén se pon en valor o traballo de Hanan Al-Hroub, procedente de Palestina. 

A mostra recupera pois para a actualidade a pegada vital e o labor pedagóxico destas e doutras educadoras “na intención de deconstruír o androcentrismo sobre o que pivotou historicamente o coñecemento académico, facendo visibles figuras verdadeiramente relevantes que, malia os prexuízos de xénero que indefectiblemente tiveron que soportar, xa forman parte merecidamente da Historia da Educación”, engade o profesor Candia.

E é que, malia que a profesión educativa “veu sendo un cometido tradicionalmente asignado ás mulleres de xeito estereotípico, existe na sociedade un gran descoñecemento de referentes femininos neste eido, mesmo entre estudantes que en poucos anos serán as mestras e mestres das escolas galegas”, matiza. Por iso, fronte a unha realidade social e educativa “aínda rexida por perfís masculinos, a exposición ofrece unha vistosa e suxestiva panoplia de figuras da pedagoxía feminina e/ou feminista e dá resposta á necesidade de educar desde unha perspectiva de xénero e pola igualdade”, conclúe.

A colección de pósters, pensada desde a perspectiva da aprendizaxe-servizo, préstase gratuitamente a calquera entidade, centro ou institución que a desexe expoñer nas súas instalacións.