Lugo

Ata o 9 de marzo é posible inscribirse na novena edición do Congreso de Etoloxía Clínica que se desenvolverá en Veterinaria do 15 ao 16 dese mesmo mes. Organizado polo Grupo Universitario de Etología Clínica Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, o foro diríxese a estudantado e profesionais do eido veterinario, aínda que tamén se encontra aberto a calquera persoa interesada na Medicina do Comportamento. As inscricións, que contan cun desconto para estudantado da USC ata o 28 de febreiro, poden formalizarse a través do enderezo electrónico guecalugo [at] gmail.com (guecalugo[at]gmail[dot]com) 

No congreso abordaranse cuestións como a relación entre problemas médicos e de comportamento no can e a importancia da dor, o exame neurolóxico en pacientes con alteracións da conduta, ou os vínculos entre comportamento, epilepsia e microbiota. O foro tamén servirá para afondar no nexo entre esterilización e o comportamento de cans e gatos, ou a relación entre problemas médicos e de comportamento felino. Os furóns, os cetáceos ou os profesionais do olfacto serán outros dos temas a abordar, xunto coa medicina interna e medicina do comportamento, a cualificación da dor crónica e relación co tratamento, e casos clínicos relacionados coa medicina do comportamento.

Cartel do congreso
Cartel do congreso