5359 estudantes arrancaron este martes na UVigo os exames da nova Proba de Acceso á Universidade. Aos tradicionais nervios por terse que enfrontar a un dos momentos claves da súa vida académica, este ano súmanse os derivados da transformación da selectividade cara un modelo máis competencial e máis homoxéneo en todas as comunidades autónomas.
De feito, o que nos últimos anos se viña denominando ABAU arrancou de xeito coordinado hoxe en toda España, agás en Cataluña e Canarias, con 12.946 alumnas e alumnos convocados en Galicia. Deles, 1247 examínanse ata o xoves no campus de Ourense, 1286 no de Pontevedra e 2826 no de Vigo, sendo este último o que acolle máis estudantes en toda a comunidade autónoma.
A xornada comezou co exame de Lingua Castelá, común para todas e todos, no que o comentario de texto xirou arredor dun artigo de Rosa Montero sobre a traxedia migratoria dos caiucos publicado en El País. O resto das preguntas, xa con varias opcións, comprenderon contidos de gramática e de literatura, con exercicios sobre fragmentos de obras de Gabriel García Márquez, Lorca, Valle-Inclán ou Almudena Grandes. A xornada da completouse, despois dun descanso, con Historia de España ou Historia da Filosofía, segundo o caso.
As novidades que trae a PAU
A nova PAU conta, segundo o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes, “cunha estrutura, unhas características básicas e uns criterios de corrección mínimos comúns para todo o territorio”. A principal novidade é que a proba ten, polo menos, un 25% de preguntas de carácter competencial, é dicir, similar ao bacharelato cursado polo alumnado. Ademais, para cada exercicio deben existir uns criterios obxectivos de corrección e cualificación aprobados e publicados polas comisións. Estes criterios contan cunha base común xa que a coherencia, a cohesión, a corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos contarán como mínimo o 10% da nota de cada exercicio.
Nesta primeira xornada das probas, o catedrático Iván Area, delegado da UVigo na CIUG, comparecía ante os medios de comunicación en Pontevedra e poñía de relevo este “carácter competencial” do novo modelo. Remarcaba tamén que se pasa dun modelo con dúas opcións de exame en cada materia, ou das probas con “moita optatividade” implantadas en 2020 a raíz da pandemia, a un exame único, cunha primeira pregunta común e “outras nas que se mantén certa optatividade”.
A comparecencia de Area tivo lugar no Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, onde realizan os exames doce estudantes con discapacidade ou necesidades especiais. En total, lembrou, son 36 as comisións delegadas habilitadas en Galicia para o desenvolvemento destes exames por parte 13.000 alumnos e alumnas. Destes, apuntou, preto de 1000 realizan só a fase específica, xa que se trata de estudantes procedentes de FP “ou que queren subir nota nalgunha das materias”, polo que non deben enfrontarse tamén á fase obrigatoria que están a realizar preto de 12.000 matriculadas e matriculados.
2826 estudantes estraron a nova PAU en Vigo
Repartidos en nove escolas e facultades, un total de 2826 estudantes dunha vintena de concellos comezaron esta mañá os exames da nova selectividade no campus de Vigo. No pavillón A da Facultade de Filoloxía e Tradución examinábase, por exemplo, o alumnado do CPR Plurilingüe Las Acacias, de Vigo. Antes de arrancar o primeiro exame e despois de asistir á charla de presentación, a maioría amosaba máis ganas de comezar que nervios. Non faltaba a inquedanza por seren os primeiros en enfrontarse a este novo modelo de selectividade, pero moitas e moitos destes futuros universitarios recoñecían confiar na súa preparación e nos seus coñecementos e dicían estar tranquilos.
Entre as que recoñecían estar un pouco nerviosas uns minutos antes do primeiro exame estaban Alba Rodríguez e Ana Quinta. A primeira amosábase máis confiada tras un curso “duro pero rápido” pero ambas sentíanse preparadas e satisfeitas por ter chegado ata aquí para tratar de acadar a súa meta. No caso de Alba, estudar Psicoloxía, e no de Ana, algunha titulación da rama biosanitaria.
Do seu mesmo instituto son Mariana Serrano, Marta Braña, Soledad de Lara, Violeta Viso, Adriana Berrocal e Clara Ortiz, que a medida que se achegaba a hora, recoñecían que lles ían podendo os nervios. “O curso foi moi duro e esta vai ser unha selectividade diferente, e iso implica un pouco máis de medo e presión”, relataban, “imos un pouco a cegas, pero o certo é que estamos todos igual”. Con todo, apelaban á tranquilidade e animábanse unhas ás outras, “temos que estar en paz e tratar de rascar puntos de onde sexa” para logo poder “gozar do verán das nosas vidas”. Despois dese descanso merecido, todas estas mozas teñen claro por onte van transitar os seus camiños, e Medicina é o obxectivo de tres delas, xunto con Política, Filosofía, Economía, Dereito e ADE.
Moito máis tranquilo e confiado estaba Miguel Martínez, do CPR Plurilingüe Apóstol Santiago, de Vigo. “Estou cero nervioso, véxome preparado, con calma e sen presión”, expresaba, tras un ano, o de 2º de Bacharelato, que tampouco lle resultou especialmente duro. O futuro tamén o ten claro, quere estudar ADE ou o dobre grao ADE-Dereito, e confía en acadar a nota que precisa. Ante o reto de terse que enfrontar á nova PAU recoñece que tería preferido examinarse co antigo modelo, pero “é o que hai e temos que tirar para adiante”.
1247 estudantes en Ourense
Na provincia de Ourense, 1247 rapazas e rapaces realizan desde este martes as probas de acceso á universidade, cifra algo superior á do pasado ano, que ascendeu a 1225. Delas e deles, 1124 realizan os exames no campus de Ourense (superando o dato de 1098 estudantes de 2024) e 123 no IES Cosme López Rodríguez, da Rúa (fronte aos 127 do pasado curso).
No Edificio de Ferro examinábanse Daniel Borrajo, Xiana Rodríguez e Xela Blanco, do IES Otero Pedrayo, e Carmen Docampo, do Colexio Maristas, ambos centros da cidade de Ourense. Ao remate do primeiro exame, Daniel Borrajo destacaba que “foi para min bastante sinxelo”, apuntando que lle pareceu máis fácil que os modelos da CIUG cos que tiña traballado. “Estaba algo nerviosa pero despois deste exame xa se me pasaron os nervios. Saín con boas sensacións pero nunca se sabe. E nada, a polo seguinte”, comentaba pola súa banda Carmen Docampo, interesada en facer Publicidade e Relacións Públicas. Esas mesmas primeiras boas impresións eran compartidas por Xiana Rodríguez e Xela Blanco, que salientaban pola súa banda o “difícil” que foi todo o proceso de prepararse para a realización destas probas, as moitas horas dedicadas e o seu desexo de que sexan a porta de entrada ao que queren estudar, Ciencias Relixiosas e Fisioterapia respectivamente.
Máis de 1200 estudantes cítanse co seu futuro en Pontevedra
Procedentes dunha trintena de centros de ensino de 14 municipios, 1286 alumnos e alumnas enfróntanse á PAU no campus de Pontevedra, onde estas probas lévanse a cabo na Escola de Enxeñaría Forestal e nas facultades de Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte. Neste último centro realiza os exames Naiara Macías, do IES Vilalonga de Sanxenxo, quen recoñecía que “os nervios quitáronse un pouco” tras a primeira proba. Co obxectivo de acadar as cualificacións necesarias para cursar Psicoloxía o vindeiro curso, Macías comenta que afronta “tranquila e confiada” as restantes probas e sinala que o traballo feito ao longo do curso, “no que estivemos facendo moitos modelos de exame”, permitíalles chegar a esta cita “bastante preparados”.
Procedentes do IES O Carril, de Vilagarcía de Arousa, examínanse na EE Forestal Alba Raposo, Lara Lage, Carla Vázquez e Adrián García, que recoñecían ao remate da mañá que as probas ás que tiveron que enfrontarse eran “moi parecidas” ás dos modelos cos que traballaran. Nalgúns casos, engaden, os exames foron “mellor do que esperabamos” e noutros a primeira mañá das PAU pechábase “coas sensacións agardadas”. No caso de García e Vázquez, o seu obxectivo é matricularse o vindeiro curso nos graos en Comunicación Audiovisual e Recursos Humanos e Relacións Laborais, respectivamente, mentres que Lage e Raposo queren formarse en Deseño de Interiores e Arte Dramática, polo que realizan a PAU “para ter outras opcións por se non entramos”, apuntan.