105%. Esta é a taxa de ocupación que este curso 2024-2025 acadaron as prazas de novo ingreso nos 68 graos ofertados pola UVigo. A institución académica viguesa ofreceu 3836 prazas e cubríronse 4011 (2118 mulleres e 1893 homes), o que sitúa a taxa de ocupación nun 105%, que no caso dos campus ascende a 107% en Pontevedra, acada o 104% en Vigo e sitúase en 103% en Ourense. Unhas cifras que consolidan unha subida continuada da matrícula e nas taxas de ocupación nas prazas de grao de novo ingreso nos últimos anos, pasándose de 3728 persoas matriculadas e unha taxa de ocupación do 98% no curso 2021-2022 aos 4011 matriculados e unha taxa de ocupación do 105% este curso.
“En titulacións de grao este ano batemos récords de matrícula e iso tendo en conta a ampla oferta que hai actualmente, tanto en universidades públicas, como privadas”, sinala Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, que considera que este éxito se debe a que “por fin estamos chegando a transmitir ao estudantado preuniversitario, ás súas familias e á sociedade en xeral, que a UVigo ofrece titulacións de interese, renovadas e demandadas e que é unha universidade sólida, moderna, dinámica e sobre todo, de calidade, e isto fai que os preuniversitarios xa non teñan inquedanza en facer os seus estudos fóra da súa contorna. De feito o 91% do estudantado matriculado na UVigo é de Galicia, o que creo que reflicte que aquí lles ofrecemos a docencia e a vida universitaria que queren”.
No campus de Pontevedra o Grao en Educación Primaria foi o que maior taxa de ocupación acadou cun 123%, seguido por Educación Infantil cun 115% e Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Comunicación Audiovisual cun 114%. Mentres, Enxeñaría Forestal cun 47% foi a titulación que menos taxa de ocupación obtivo. Pola súa banda, en Vigo, o PCEO de Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática cunha taxa de ocupación do 200%, seguido do Grao en Enxeñaría Eléctrica cun 132% e o PCEO de Enxeñaría Mecánica e Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática cun 130%, foron as titulacións de grao que maior taxa de ocupación obtiveron. Pola contra, o Grao en Filoloxía Aplicada en Galego e Español cun 24% foi a titulación que menor taxa de ocupación tivo, seguido do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos cun 80%. Mentres, no campus de Ourense os graos que acadaron maior taxa foron Relacións Internacionais e o PCEO Informática e Administración e Dirección de Empresas cun 150%; Dereito cun 134% e o PCEO Administración de Dirección de Empresas e Dereito cun 125%. Pola súa banda, as titulacións con menor taxa de ocupación foron Turismo cun 51%; Ciencias Ambientais cun 56% e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos cun 62%.
Mantense a matrícula nos mestrados e sube lixeiramente no doutoramento
No que se refire á matrícula nas prazas de mestrado de novo ingreso sitúase nun 79%, o que equivale a dicir que se cubriron 1368 (789 mulleres e 579 homes) das 1733 prazas ofertas este curso. A taxa mantense igual que o curso pasado, no que se ofertaron 10 prazas menos e sube un 1% respecto do 2022-2023.
Por campus é o de Pontevedra o que maior taxa de ocupación acadou cun 84%, encabezado polos mestrados en Dirección Pública e Liderado Institucional e en Dirección Integrada de Proxectos cun 100%. En Ourense a taxa de ocupación foi do 82% co Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica cun 105% en primeira posición, seguido de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade cun 100%. No campus de Vigo a taxa de ocupación sitúase no 77%, cos mestrados en Biofabricación cun 129% e en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración cun 117% como os máis demandados.
Pola súa banda, os mestrados en Profesorado en Educación Secundaria e en Avogacía, acadaron, respectivamente taxas de ocupación do 89% e do 78%.
No caso das titulacións de doutoramento, este curso ofertáronse 40, con 529 prazas de novo ingreso, das que se cubriron 314, un 59%, unha taxa que supera lixeiramente ao do curso pasado, que foi dun 54%. Por campus, as taxas de ocupación sitúase nun 105% en Pontevedra, un 70% en Ourense e un 50% en Vigo. As titulacións que maior taxa de ocupación rexistran este curso son os programas de doutoramento en Creatividade e Innovación Social Sostible cun 125% e en Educación, Deporte e Saúde cun 110%, ambos do campus de Pontevedra.
“Nas titulacións de máster e doutoramento as taxas de ocupación semella que teñen unha tendencia á alza, pero aínda nos queda traballo por facer”, explica Natalia Caparrini. Para a vicerreitora, “cómpre transmitir o potencial real que ten a UVigo, tanto en especialización cunha variada oferta de mestrados moi vinculados á contorna empresarial de Galicia e en investigación, con programas de doutoramento vinculados a grupos de investigación que son top a nivel internacional”. Neste sentido, Caparrini destaca o feito de que o 35% das persoas matriculadas son estranxeiras, “o que demostra que a nosa posición nos ránkings de investigación é quizais máis coñecida e valorada fóra que dentro de España”.
20.148 estudantes matriculados en todas a titulacións da UVigo
Polo que respecta aos datos globais de matrícula en todos os cursos de todas as titulacións de grao, mestrado, doutoramento e tamén o Programa de Maiores, a UVigo acada unha cifra total de 20.148 persoas matriculadas, das que 10.729 corresponden ao campus de Vigo (53%), 5189 ao de Ourense (26%) e 4230 ao de Pontevedra (21%).
Por titulacións, o número total de persoas matriculadas en graos ascende a 16.041; en mestrados 2078; en programas de doutoramento 1472, mentres que 557 (346 mulleres e 211 homes) corresponden ao alumnado do programa de maiores, que se incrementa en 64 estudantes, respecto do pasado curso. En comparación cos últimos cursos, a cifra global de persoas matriculadas nas titulacións que se imparten na UVigo subiu lixeiramente, respecto dos 19.969 do 2022-2023 e dos 19.918 do 2023-2024.