Lugo
O certame de divulgación científica DivúlgaT regresa coa súa novena edición, da man da asociación de persoal investigador Agromar. Este evento de divulgación científica reúne cada ano especialistas e público en xeral que queira achegarse ao coñecemento científico de forma amena e accesible. Este evento quere amosar o traballo que se desenvolve no Campus de Lugo e potenciar o galego como lingua da comunicación e da divulgación do coñecemento.
A través de charlas divulgativas duns dez minutos de duración, as persoas participantes relatarán algún aspecto do seu campo de investigación ou dun dos traballos que están levando a cabo no Campus Terra. As charlas terán lugar no Vello Cárcere de Lugo, nun evento que contará coa asistencia do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, a partir das 19.30 horas.
A sesión do xoves 28 de novembro contará coas intervencións de Sebastián Villasante coa charla ‘Coñecendo os límites seguros e xustos do Planeta’, Rocío Valín con ‘Os Simpson predixeron a miña tese de doutoramento: peixes e radiación’, M. Pilar España Fariñas con ‘Sabor e identidade en cada bocado’, Rubén Castro Redondo con ‘Contra o vicio de mandar, a virtude de non obedecer. As resistencias do campesiñado contra o poder nas sociedades tradicionais’, Damián Copena Rodríguez con ‘Da apicultura fixista á mobilista en Galicia’, Renato Barrionuevo Ponce con ‘Feromonas en Coellos’ e Antía Acción Carro con ‘A ameaza oculta das vacas’.
O xoves 5 de decembro será a quenda de Adrián Casanova Chiclana con ‘Entre o esquecemento e a area; xenómica da conservación da camariña, arbusto endémico da Península Ibérica’, de Pedro Blanco Valcárcel con ‘DOILi: un software automático de deseño de infraestruturas lineais’, Gonzalo Pérez de Lis Castro con ‘Árbores baixo presión’, Guadalupe Vila Vázquez con ‘Benestar como estratexia gañadora’, Antonio Moreno Robles con ‘Biogas e fertilizantes’ e Nicolás Mejuto Vázquez con ‘Onde está a Piñeira?’.
A asistencia é libre e de balde pero as persoas que non poidan asistir poderán seguir o evento en directo a través da canle de YouTube oficial da USC.