150 mozas e mozos chegados de 16 centros de ensino medio de toda Galicia, desde Xinzo de Limia ata Ferrol, participan este mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo na I Olimpíada da Enerxía que se celebra en España, un evento impulsado desde a escola e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, do Ministerio de Ciencia e Innovación. O obxectivo: contribuír ao coñecemento do sector enerxético entre a mocidade, pondo en valor a importancia da enerxía no día a día das persoas, ao tempo que se fai canteira profesional para unha sociedade na que a transición enerxética é un dos seus principais desafíos.
“Hoxe é un día moi intenso para todas e todos, no que preparamos para vós un programa cargado de actividades”, explicoulles á súa chegada á escola a directora do centro, Elena Alonso, coordinadora xeral da olimpíada, que, acompañada polo reitor Manuel Reigosa, foi a encargada de darlle a benvida aos participantes. Ambos coincidiron na importancia desta data, “tanto para a escola como para a Universidade”, e animaron a todos os participantes a gozar da xornada. “Levades meses traballando, elaborando os vosos proxectos, hoxe toca dalos a coñecer e ver tamén as solucións formuladas polo resto de institutos”, salientou a directora, facendo fincapé na vertente formativa desta cita.
Reigosa: “Temos nas nosas mans converter a Galicia nun referente”
Tras admitir que organizaron o evento “con moitísima ilusión” e que están “encantados” coa resposta dos institutos, “de feito tivemos que deixar fóra algún centro que quería participar”, Alonso subliñou que con esta actividade se busca “contribuír ao coñecemento do sector enerxético, entendendo por este todo o conxunto de actividades que van desde a xeración ata consumo de enerxía térmica e eléctrica, prestando especial atención ao feito de pór en valor a importancia que ten o sector enerxético na calidade da vida das persoas”, salientou a directora, ao tempo que lembrou que como centro público “temos a obriga de tratar de devolver á sociedade a confianza e os recursos que nos conceden”.
Pola súa banda, o reitor faloulles “de fe”, de fe no ensino público e, mais concretamente, no sistema universitario galego, que, ao seu modo de ver, está a facer as cousas ben dende hai moito tempo. “Temos nas nosas mans converter a Galicia nun referente, nacional e internacional, de como se fan ben as cousas. Eu vexo aquí moito talento xunto, talento que ten que agromar e que agardo que o faga nas nosas aulas, ou noutras do SUG. En todo caso, dun ou doutro xeito, Galicia vaivos precisar a todos”, subliñoulles o reitor, quen se amosou convencido de que o esforzo que fixo a comunidade galega para ter un sistema universitario público e de calidade, “que se pode comparar con calquera do mundo”, vai a permitir que “gañemos ese futuro”. Nesta liña, o reitor pediulles as mozas e mozos participantes que utilicen todo o seu talento, que elixan ben as súas titulacións e que lle dean a Galicia “o mellor para o seu futuro”.
Probas ao longo de todo o día espalladas por toda a escola
Tras a inauguración arrancaron as probas, tanto individuais (test teórico) como por equipos, algunhas obrigatorias e outras optativas. Houbo actividades ao longo de todo o día en todos os recunchos da escola, mentres uns facían as probas obrigatorias os demais participaron en talleres alternativos organizados desde a escola e así, alternativamente.
Unha das probas nas que participaron máis equipos foi a de divulgación científica, na que cada un dos equipos tiña que explicar a un público non especializado -compañeiros e compañeiras doutros institutos- un concepto relacionado co sector enerxético, para o que podían empregar todos os materiais e recursos desenvoltos ao largo dos últimos meses nos seus institutos. “No noso caso o que fixemos foi montar un prototipo de aeroxenerador, moito máis simple ca un real, evidentemente, pero moi ilustrativo”, explicaba intres antes de arrancar a presentación un alumno do IES Lagoa de Antela, de Xinzo da Limia, disposto a convencer ao xurado das bondades deste traballo.
Outros institutos optaron pola proba Kit Arduino, consistente na automatización e programación dun sistema de placa solar fotovoltaica; outros pola denominada Fake News, na que traballaron con notas de prensa sobre o sector enerxético, e outros por un debate no que tiveron que resolver un problema relativo á elección da tecnoloxía de renovables para un caso específico.
A maiores de todas estas probas, a escola converteuse tamén en sede da exposición Mulleres Enerxéticas, na que se recollen pósters explicativos elaborados desde os diferentes institutos de múltiples mulleres que contribuíron ou contribúen pola súa actividade profesional ao sector enerxético.
Entrega de premios pola tarde
Todo o alumnado participante nesta I Olimpíada da Enerxía recibirá medalla e diploma de participación, así como un pequeno agasallo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. A maiores repartiranse múltiples premios. Para cada unha das seis probas entregaranse tres premios (primeiro, segundo e terceiro), e haberá tamén galardóns para os centros educativos, primeiro e segundo premio a cada categoría -centros de ESO e bacharelato e centros de Ciclos Superiores de Formación Profesional-. Serán 400 euros para os primeiros premios e 200 para os segundos, concedidos ambos polo Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del NO. A maiores, concederase tamén un premio Naturgy Renovables, concedido por esta firma aos primeiros centros clasificados e que consiste nunha visita a unha instalación de renovables deste grupo.
Entregaranse tamén os Premios Enerxéticas, primeiro e segundo premio para as alumnas mellor clasificadas.