A primeira Reunión de Institucións Asociadas da Universidade Europa do Benestar (EUniWell) arrancou este martes no Centro de Estudos Avanzados da USC, no marco da oitava Asemblea de Reitores e Reitoras da Alianza. O encontro, centrado na saúde e no benestar, reúne 16 das máis de 60 institucións asociadas ao Consorcio. “Hai un ano propuxemos reunir as institucións asociadas, porque estamos convencidos de que abrir as universidades á sociedade é un dos grandes retos da Educación Superior no presente”, sinalou o Reitor Antonio López Díaz no acto de apertura. 

Na cerimonia, a directora de Desenvolvemento de EUniWell, Beatrix Busse, tamén destacou a importancia do benestar para as persoas, a sociedade e o mundo, sobre todo nun contexto global incerto, así como a relevancia “das universidades e, en especial, das alianzas europeas para implicarse máis aló do ámbito académico”.

Nesta primeira reunión, representantes institucionais, hospitais, empresas e organizacións públicas e privadas de distintos países xúntanse co propósito de establecer un diálogo construtivo entre EUniWell e as institucións asociadas, identificar sinerxías e sentar as bases para unha colaboración sostible e a longo prazo que transcenda o ámbito local e as propias universidades membro.

Este encontro, promovido pola USC, establece un precedente e senta as bases para reforzar a cooperación con representantes de todos os sectores da sociedade e maximizar colectivamente o impacto da Alianza no benestar ao longo de diversos territorios. 

Asemblea e Día de Europa 

A oitava Asemblea de Reitores e Reitoras comezará o mércores ás 9.30 horas, e culminará, ás 13.00 horas, no Colexio de Fonseca cun acto de celebración do Día de Europa. Unha conmemoración para reafirmar os valores europeos que guían a misión da Alianza EUniWell e pechar tres días de diálogo e colaboración entre universidades.

A xuntanza tivo lugar no CEA. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza tivo lugar no CEA. FOTO: Santi Alvite