A Universidade de Santiago de Compostela organiza do 5 ao 7 de maio a oitava Asemblea de Reitores e Reitoras e a primeira Reunión de Institucións Asociadas da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell), a Alianza da que a USC forma parte xunto a outras dez institucións universitarias. Reitores/as, vicerreitores/as, estudantado e outros representantes das universidades integradas en EUniWell reuniranse en Compostela para debater na Asemblea de Reitores e Reitoras algunhas das cuestións máis urxentes ás que se enfronta a ensinanza superior na actualidade: a aliñación coas ambicións da Unión das Competencias, o papel das universidades na competitividade europea, os consorcios de universidades en tempos de incerteza global, a liberdade académica, a seguridade na investigación e o poder da colaboración dentro e fóra de EUniWell.
O reitor da USC, Antonio López Díaz, asegura que “acoller a Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell en Santiago de Compostela é unha honra e un poderoso recordatorio do papel transformador das universidades. Xuntos estamos a tender pontes entre o mundo académico, a industria e a sociedade”. Un encontro que, engade, será “un espazo de reflexión colectiva, un foro para o intercambio de ideas e un motor para fortalecer a colaboración entre institucións comprometidas co benestar social”.
Durante este evento, representantes do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables e que a USC lidera no marco do proxecto EUniWell-Weff da Alianza EUniWell, reuniranse tamén para abordar e explorar cuestións estratéxicas como o fomento da participación en proxectos de investigación ou a posibilidade de crear programas de doutoramento conxuntos.
En paralelo á Asemblea de Reitores e Reitoras, a USC acolle o martes 6 de maio a primeira Reunión de Institucións Asociadas de toda a Alianza. Unha xornada de intercambio que ten como obxectivo establecer unha colaboración construtiva e intersectorial, identificar sinerxías e fomentar asociacións sostibles que transcendan as fronteiras.
O encontro culminará cun acto de conmemoración do Día de Europa. O Colexio de Fonseca servirá de escenario para reafirmar os valores europeos que guían a misión de EUniWell e pechar así tres días de colaboración e diálogo entre universidades.